Moi agradable onte a presentación do
Diario da viaxe cósmica á Amazônia de
Tonhito de Poi. Da man de
Roberto Vilar o público asistente mergullouse no proceso de elaboración do diario dun xeito ameno e agarimoso; logo o autor contou parte das súas experiencias e remitiunos ao libro ou á conversa privada para entrar en detalles que, segundo el, eran difíciles de verbalizar. Cantou, claro, e gocei coma nunca coa súa representación de dúas cancións.
Hai pouco que volvín escoitar música e aínda menos que coñecín a súa voz e o seu xeito tan sentido de cantar; inevitable non conmoverse ante a actuación deste home bo e xeneroso que decidiu compartir cos demais unha experiencia tan forte e intensa.
Houbo un momento en que me sentín algo ridícula presentando, en nome do Ateneo, unha persoa que
aquí non necesita presentación ningunha e menos ante os asistentes -moitos parentes e amigos-, pero tamén fun consciente do agasallo que se me fixo. Un verdadeiro pracer.
Etiquetas: cultura, literatura, música, ribeira, vida